microtecnosoles

imagine

CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS DE ACTIVIDADES SILVÍCOLAS

O Código comprende os principios básicos que deben orientar o conxunto de actuacións silvícolas a desenvolver polo xestor dende a rexeneración ata o aproveitamento da masa forestal na unidade de xestión e que non fosen obxecto dun tratamento específico no plan de xestión ou nun informe técnico de xustificación.

O xestor forestal, ademais de cumprir a normativa actual aplicable aos montes, comprométese a seguir e respectar o conxunto de recomendacións que se indican a continuación:

1 Asegurarse a persistencia da masa arborada despois de cada aproveitamento, xa sexa por rexeneración natural ou artificial. Cando as especies principais da masa sexan autóctonas e se desexe manter a súa presenza empregarase, sempre que sexa posible, a rexeneración natural
2 Nas parcelas de máis de 25 ha arborizadas fomentarase a aparición e mantemento de especies acompañantes ou alternativas á principal, especialmente frondosas autóctonas, no momento e localización que favoreza aos obxectivos do plan de xestión
3 As especies arbóreas a utilizar en repoboacións deberán ser adecuadas á estación forestal. O material xenético deberá proceder de orixes coñecidos e de garantía, rodais selectos ou hortos viveiros
4 Os fertilizantes empregados nas plantacións serán os indicados para a actividade forestal e na dose recomendada, e unicamente se realizará o abonado continuado durante o crecemento e desenvolvemento da masa forestal baixo xustificacións técnicas ou indicación do plan de xestión
5 Deberase velar polo éxito do rexenerado e as plantacións, tomando as medidas oportunas para o seu correcto desenvolvemento
6 Adoptaranse as medidas necesarias para minimizar os impactos na vexetación a conservar traLa corta ou tratamento silvícola
7 A aplicación de produtos químicos só se levará a cabo como último recurso e, de ser necesarios, empregaranse produtos e doses que estean legalmente autorizados. A súa utilización deberá xustificarse tecnicamente, sendo aconsellable o emprego de técnicas de loita integrada sempre que sexa posible. O persoal que realice a aplicación de produtos fitosanitarios debe ter toda a formación obrigatoria por lei para a utilización destes
8 Deberanse evitar prácticas que fomenten a aparición de pragas ou enfermidades, efectuando, cando sexa posible, a trituración, esparexemento ou extracción dos restos vexetais obxecto de corta. Deberanse desinfectar os útiles de corta nas masas altamente sensibles a enfermidades e con alto risco de propagación. No caso de detectar algunha anomalía biótica ou abiótica tomaranse as medidas oportunas, mesmo avisando a autoridade forestal compete
9 Deberase velar pola protección, mantemento e mellora das áreas de vexetación rupícola
10 En parcelas de máis de 25 ha, minimizarase a realización de tratamentos silvícolas  ou cortas que produzan graves impactos paisaxísticos
11 Cumprirase coa lexislación vixente aplicable a elementos culturais, identificando e comunicando a quen corresponda a aparición de testemuños prehistóricos, históricos e culturais dentro da unidade de xestión forestal. Tamén se procurará manter e recuperar a toponimia propia dos montes
12 Nos casos de realización de traballos silvícolas por conta allea, os labores encargaranse a empresas de servizos forestais que aceptarán por escrito o presente Código de Boas Prácticas
13 As empresas de servizos forestais que traballen na unidade de xestión deberán cumprir coa lexislación vixente en materia de riscos laborais, dispoñendo de operarios e de equipos de seguridade homologados así como dos demais requirimentos de seguridade e saúde no traballo durante a execución das prácticas forestais. Igualmente no uso de maquinaria débense cumprir as medidas de protección propias da máquina e de quen a manexa
14 Deberanse tomar medidas oportunas para optimizar a rede viaria forestal, minimizando o número de ramais cegos, evitando tramos de excesiva pendente e construíndo obras de drenaxe tecnicamente xustificadas que distribúan de forma axeitada as augas no monte. Deberase prestar especial atención ao estado das vías e camiños forestais tras a execución de labores, debendo restablecer, polo menos, as condicións de tránsito nas que se atopaba antes da realización da actividade
15 En caso de incendio forestal, deberanse seguir as indicacións da administración forestal, procurando vixiar en época de máximo risco, informar inmediatamente en canto se detecte lume ou calquera conato de incendio ao servizo de defensa contra incendios forestais (085 ou 112) e, de ser necesario, segundo a lexislación vixente, seguir as indicacións do director de extinción
16 Deberase velar por manter a unidade de xestión libre de residuos artificiais causados polas actividades forestais. En caso de xerarse residuos perigosos, deberán respectarse a normativa vixente. En caso de derramos sobre terra, extraerase a capa de chan afectado almacenándoa no seu correspondente colector/bolsa e tratándoa como residuo perigoso. Ademais, procurarase o acondicionamento de zonas de limpeza para maquinaria e equipos.
17 Na medida do posible, deberase minimizar a emisión de contaminantes atmosféricos (gases de combustión de maquinaria de equipos, po) e acústicos, sendo aconsellable manter en perfecto estado a maquinaria e equipos, planificar axeitadamente os tempos de transporte, circular con moderación naqueles lugares onde se xere po, respectar os límites de velocidade
18 Permitirase o uso social e recreativo dos bosques sempre e cando non perturbe a actividade forestal principal determinada polo xestor. Na medida do posible procurarase a multifuncionalidade de usos na unidade de xestión e o mantemento da biodiversidade
19 As unidades de xestión (montes ou grupos de montes) deberán contar cun instrumento de planificación respectando os criterios de xestión forestal sostible
20 Velarase porque todos os axentes involucrados na xestión forestal sostible cumpran coa lexislación vixente aplicable